Saturday 27 de April de 2024

O Concello Lousame investirá 156.000 € do POS+2024 a melloras de camiños e accesos a núcleos e destinará 200.000 € a gasto corrente


Destinará 51.000 euros á ampliación do Servizo de Axuda no Fogar, onde “estamos prestando servizo non só aos dependentes con graos 2 e 3, senón tamén aos do grao 1”, destacou Teresa Villaverde

O pleno municipal de Lousame aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía para o Plan Único de Concellos “POS+ 2024”, que ascende a 357.217,95 euros, así como os 109.592,23 euros do Plan Complementario. Unha unanimidade que se mantivo na aprobación do Plan Adicional 1/2024, que destinará 57.483,35 euros a gastos sociais extraordinarios.

A Achega Provincial 2023, destinada a investimentos financeiramente sostibles, será investida integramente en tres proxectos:
– Pavimentación das estradas entre Pousada-Carantoña e Cruído-Loureiro, por un importe de 50.245,61 euros.
– Mellora dos accesos ao núcleo de Abeixón, por 41.139,99 euros.
– Mellora do viario na Cabalariza (Fruíme), por 64.640,63 euros.

Pola súa banda, a Achega Provincial 2024 será destinada integramente a gasto corrente: 150.000 euros para sufragar o coste do alumeado público e os restantes 51.191,72 euros a mellora dos accesos a núcleos de poboación.

Así mesmo, o Pleno municipal acordou as obras do Plan Complementario, que suman un total de 109.592,23 euros:
– Mellora do viario de Lesende a Vilacoba, que inclúe tamén a mellora dos accesos a Soutorredondo (Lesende).
– Mellora do viario entre A Barreira e Guiende (Tállara), ao pe do monte Iroite e que inclúe tamén o arranxo doutros dous viarios na zona cara Arxellas (Camboño).
– Mellora de viario no Outeiro (Lousame).

Finalmente, o Pleno aprobou tamén por unanimidade o POS Adicional 1/2024 para gastos sociais extraordinarios por un importe de 57.483,35 euros. A alcaldes de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “51.283 euros irán destinados á ampliación do Servizo de Axuda no Fogar, tanto básico como complementario” e destacou que “neste momento Lousame é dos poucos concellos que está dando Servizo de Axuda no Fogar a dependentes con grao 1, e non só aos de grao 2 e 3”. O resto da axuda será destinada a equipamento para o Departamento de Servizos Sociais e para actuacións de axuda a persoas especialmente vulnerables.